A construción deste blog responde ás inquedanzas e á iniciativa dun grupo de nais e pais na defensa do ensino público e como medio de protesta ou mobilización fronte aos recortes da Administración e a continua desvalorización da educación pública de calidade en Galicia. Denunciamos as dificultades e os crecentes recortes e entendemos que este non é un problema exclusivo do profesorado, aínda que fose este colectivo o que iniciou as manifestacións ao respecto e a pesar de que tanto os medios coma o poder político pretendan facernos crer que isto é exclusivamente un conflito laboral do profesorado.
Os recortes, o desprestixio e as carencias aféctannos a todos e a todas, á calidade da educación dos nosos fillos e fillas, a toda a sociedade e pensamos que non podemos continuar impasibles, que temos o dereito e a obriga de protestar e denunciar publicamente esta situación, e que de non producirse unha auténtica mobilización social, polo menos que se escoite a nosa voz, a nosa disconformidade…
Este blog non ten ningún tipo de vinculación política nin sindical, e unicamente se crea como un espazo de información, comunicación e intercambio de opinións e experiencias cun obxectivo común, a defensa e a revalorización dunha educación pública de calidade.
Este movemento pretende facerse extensivo ás familias de todos os centros educativos do noso Concello, así como a todas aquelas persoas con sensibilidade e interese na reivindicación do dereito dos nosos fillos e fillas á calidade da súa educación nunha escola publica, de tod@s, para tod@s...

24 nov 2011

MADRID, 17 DE NOVEMBRO DE 2011




"O día 17 de novembro, decenas de miles de madrileños lanzáronse de novo ás rúas a defender o que é de tod@s e para tod@s: a nosa educación pública. Todo un exemplo nos tempos que corren."

21 nov 2011

OS RECORTES NA ESCOLA PÚBLICA






Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza



O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) remite aos Centros esta carta dirixida ás familias na que explican a importancia dos recortes que se están a dar na educación pública, e pregan a súa difusión entre a comunidade educativa:



“Estimadas familias:

A maioría das persoas dedicadas á docencia neste país pensamos que a escola debe ser
universal, con identidade, gratuíta, coeducadora, laica, democrática, integradora,
equilibradora das desigualdades e que atenda á diversidade.
Cremos que debe formar as súas cidadás e os seus cidadáns co obxectivo de integrar a
variedade de estratos sociais, culturas, relixións… que constitúen a sociedade.
Entendemos que a educación pública debe ser o alicerce do desenvolvemento do país e un
mecanismo que garanta a calidade, o rigor na formación, a equidade e a igualdade de
oportunidades para homes e mulleres..
Todo isto esixe, por suposto, un grande esforzo de medios materiais e humanos que esta
Consellería non parece querer asumir, se ben non escatima en desviar cartos cara o ensino
concertado, por exemplo. Que acontece entón? Que a proporción docente / nº de
alumnado, xa de por si elevada, está a ser superada non só en casos excepcionais. Que os
comedores son cada vez máis caros e son substituídos por cáterings. Un servizo
imprescindible como é transporte escolar pasa a decidir a través da empresa que o xestiona,
e con criterios nada pedagóxicos, o horario dos rapaces e rapazas.
A propia Administración pon a miúdo en dúbida os propios valores que está obrigada a
transmitir. Fronte á educación non sexista, subvenciónase con millóns de euros a centros que
segregan por sexo. No canto de equilibrar as desigualdades parece que se quere formar
unha caste de peóns de escasa cualificación. En vez de atender axeitadamente a diversidade,
relégase un sector do alumnado á exclusión do sistema educativo e social. En lugar de
fomentar a integración social conságrase a separación do alumnado en moitos centros
públicos infradotados polo simple feito de atoparse en barrios pouco favorecidos ou en
zonas rurais afastadas. E xa se empezan a oír voces que dubidan da conveniencia dun ensino
gratuíto para todos/as e en todas as etapas, á vez que se concertan estudos non obrigatorios.
Mesmo altos representantes da Consellería de Educación amósanse convencidos do
“incumprimento xeneralizado do horario de traballo dos/as docentes” e, apoiados por algúns
medios de comunicación, están a venderlle á sociedade que o profesorado está integrado
por un fato de lacazáns. Ademais, xustíficanse demagoxicamente as medidas de recorte
referíndose á esixencia de “traballar máis en tempos de crise”.
Pero non se di que estes recortes “necesarios” supoñen a redución de postos de traballo, a
eliminación de agrupamentos específicos, desdobramentos ou outras medidas de atención á
diversidade, a non implementación do acordo de agrupamentos (imprescindible para o
ensino no rural), o aumento das materias afíns impartidas por profesorado de Secundaria
non especialista nas mesmas… Ademais, pódense ofrecer cifras:
máis de 200 mestras e mestres de Primaria (tendo en conta só aos que aprobaron o
ano pasado e este) impartindo materias diferentes á súa especialidade (para as cales,
en moitos casos, non están formadas).
Faltaron por cubrir unhas 240 prazas sobre as xubilacións que houbo (habendo un
aumento do alumnado).
6 unidades de Educación Infantil e 58 de Primaria que desaparecen, e elimínanse
ademais 94 postos de traballo na última modificación dos catálogos.
14 centros suprimidos.



E todo isto vai en detrimento da calidade do ensino, non só das nosas condicións laborais."


19 nov 2011

XORNADA DE REFLEXIÓN

Hoxe, 19 de novembro, Xornada de Reflexión, compartimos este fermoso vídeo


Miles de familias percorreron o sábado 8 de octubre o camiño desde o Retiro ata Puerta del Sol reclamando respeto pola educación de tod@s, a educación pública. Reflexionemos...

9 nov 2011

ÁS FAMILIAS DO CEIP VALLE INCLÁN DE PERILLO (OLEIROS)

Considerando as últimas manifestacións en defensa da calidade da educación e a favor do ensino público e a situación e repercusión dos recortes no noso centro, un grupo de pais e nais queremos informar:

- Temos no centro profesorado que imparte docencia que non é da súa especialidade, e iso indubidablemente podería repercutir negativamente na calidade do ensino que os nosos fillos e fillas están a recibir. Ante esta situación temos constancia do grande esforzo que está a realizar o colectivo docente para levar adiante do mellor modo o seu traballo.

-  Constatamos que as prazas de profesorado de baixa non sempre se cobren con profesorado substituto. Nestes casos, e tal e como sucedeu a finais do curso pasado, os nosos fillos e fillas non poden ter continuidade na súa educación, nin un seguimento personalizado, e deben ser atendidos polo resto do colectivo docente, que axusta os seus horarios e ten que restar horas dedicadas a outras actividades educativas e de dinamización en favor da calidade da educación para cubrir esas baixas.

-   Hai necesidade de coidadores e persoal de apoio para o alumnado de educación infantil e para os nenos e as nenas con necesidades educativas especiais e a Consellería non presta atención a estas carencias. O profesorado atende estas necesidades.

- Non hai persoal administrativo no centro e o equipo directivo asume estas tarefas e as compaxina co seu labor docente como boamente pode.

- Suprimiuse unha praza de profesorado PROA, un programa de reforzo, orientación e apoio escolar polas tardes para o alumnado con dificultades socioculturais e económicas.

- Seguimos sen resposta nin baremación pública respecto á solicitude de participación no Programa Abalar, un programa de integración das novas tecnoloxías de información e comunicación nos centros escolares.

--  En relación á Orde do 23 de xuño, que atribúe ao profesorado a custodia dos nenos e nenas transportados e a manipulación informativa que se fixo en torno ás reivindicacións laborais do colectivo docente ante esta medida, e independentemente de que nos solidaricemos con elas ou non, convén entender como afecta todo isto á calidade da educación dos nosos fillos e fillas. O problema non é que o profesorado vaia traballar máis horas con esta reorganización do horario lectivo, senón que ten que seguir restando tempo dedicado a outras actividades educativas de interese para cumprir as funcións que corresponderían a coidadores de transporte que a Consellería non contrata.

-   A cifra de alumnado deste e doutros centros segue incrementándose e as infraestruturas seguen sendo as mesmas. Hai carencias de persoal, espazos e materiais. Hai anos que se vén manifestando a necesidade dun novo centro escolar en Oleiros, desde os propios centros, o Concello, mediante a recollida de sinaturas, e a pesar de pór o Concello os terreos a disposición para a construción dun novo centro en Nós a cousa parece que segue estancada, e a poboación segue aumentando.

- Simultaneamente a todos estes recortes e carencias non atendidas no ensino público asistimos atónitos/as e impasibles ás reiteradas concesións, financiamentos e investimentos por parte da Consellería de Educación ao ensino privado e concertado.

- Comunicamos tamén que ante todos estes recortes, e para evitar o prexuizo aos nenos e as nenas, o noso centro está a traballar arreo para ofrecer, agora máis que nunca, unha educación de calidade aos nosos fillos e fillas, facendo o profesorado un grande esforzo persoal que os pais e as nais non podemos deixar de apoiar e agradecer.

- Así mesmo, desde o centro maniféstase a vontade de colaboración para traballar conxuntamente coas familias a favor do ensino público en todo momento.

Por todo isto, un grupo de pais e nais, pensamos e entendemos que é a nosa obriga comprometernos activamente na defensa do ensino público de calidade e manifestamos a nosa intención de iniciar algún tipo de mobilización ou manifestación como medida de protesta e reivindicación.

En principio montaremos un stand informativo o día 11 de novembro, de 16:00 a 18:00 horas, coincidindo co magosto organizado pola ANPA, e convidámosvos a achegarvos e propor ideas e suxestións, así como a vosa colaboración. Ademais pretendemos iniciar contactos coas familias das escolas do noso concello para considerar a posibilidade de actuar conxuntamente na defensa do ensino público. Nesta liña, ademais, estamos construíndo http://familiasoleiroscoensinopublico.blogspot.com, un blog entendido como espazo de información, comunicación e participación accesible e dinámico.

Apostamos polos dereitos dos nosos fill@s, polo seu presente e polo seu futuro… 
ESCOLA PÚBLICA: DE TOD@S, PARA TOD@S!

AS FAMILIAS DE OLEIROS NA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO

A construción deste blog responde ás inquedanzas e á iniciativa dun grupo de nais e pais na defensa do ensino público e como medio de protesta ou mobilización fronte aos recortes da Administración e a continua desvalorización da educación pública de calidade en Galicia.

Denunciamos as dificultades e os crecentes recortes e entendemos que este non é un problema exclusivo do profesorado, aínda que fose este colectivo o que iniciou as manifestacións ao respecto e a pesar de que tanto os medios coma o poder político pretendan facernos crer que isto é exclusivamente un conflito laboral do profesorado.

Os recortes, o desprestixio e as carencias aféctannos a todos e a todas, á calidade da educación dos nosos fillos e fillas, a toda a sociedade e pensamos que non podemos continuar impasibles, que temos o dereito e a obriga de protestar e denunciar publicamente esta situación, e que de non producirse unha auténtica mobilización social, polo menos que se escoite a nosa voz, a nosa disconformidade…

Este blog non ten ningún tipo de vinculación política nin sindical, e unicamente se crea como un espazo de información, comunicación e intercambio de opinións e experiencias cun obxectivo común, a defensa e a revalorización dunha educación pública de calidade.

En principio, este movemento xorde no CEIP Valle Inclán, de Perillo (Oleiros), pero pretende facerse extensivo ás familias de todos os centros educativos do noso Concello, así como a todas aquelas persoas con sensibilidade e interese na reivindicación do dereito dos nosos fillos e fillas á calidade da súa educación nunha escola publica, de tod@s, para tod@s...