A construción deste blog responde ás inquedanzas e á iniciativa dun grupo de nais e pais na defensa do ensino público e como medio de protesta ou mobilización fronte aos recortes da Administración e a continua desvalorización da educación pública de calidade en Galicia. Denunciamos as dificultades e os crecentes recortes e entendemos que este non é un problema exclusivo do profesorado, aínda que fose este colectivo o que iniciou as manifestacións ao respecto e a pesar de que tanto os medios coma o poder político pretendan facernos crer que isto é exclusivamente un conflito laboral do profesorado.
Os recortes, o desprestixio e as carencias aféctannos a todos e a todas, á calidade da educación dos nosos fillos e fillas, a toda a sociedade e pensamos que non podemos continuar impasibles, que temos o dereito e a obriga de protestar e denunciar publicamente esta situación, e que de non producirse unha auténtica mobilización social, polo menos que se escoite a nosa voz, a nosa disconformidade…
Este blog non ten ningún tipo de vinculación política nin sindical, e unicamente se crea como un espazo de información, comunicación e intercambio de opinións e experiencias cun obxectivo común, a defensa e a revalorización dunha educación pública de calidade.
Este movemento pretende facerse extensivo ás familias de todos os centros educativos do noso Concello, así como a todas aquelas persoas con sensibilidade e interese na reivindicación do dereito dos nosos fillos e fillas á calidade da súa educación nunha escola publica, de tod@s, para tod@s...

11 dic 2012

Estimadas compañeiras e compañeiros:
 
Ante a gravidade das últimas decisións do ministro Wert, toca mobilizarnos de novo.
 
Celebróuse en Santiago a reunión da Plataforma en Defensa do Ensino Público, da que forma parte CONFAPA-GALICIA, e acordóuse unánimemente a incorporación á Xornada Estatal de Loita en Defensa da Escola Pública, convocada pola Plataforma Estatal para o vindeiro día 13 de decembro.
Tras da deliberación e tendo en conta todas as circunstancias de calendario, etc., acordóuse unánimente, mobilizar en Galicia nesa xornada co seguinte formato:
 
a) Concentracións na entrada de todos os centros educativos de Galicia o día 13, as 9:00 horas, convocando a participar nestas concentracións as nais, pais, profesorado e alumnos. Concentracións de cinco minutos, coa lectura do Manifesto da xornada. Naqueles centros onde se acorde, e se conte cun número suficiente de asistentes, rodearáse o centro educativo co sentido simbólico de cobertura e protección por parte da comunidade escolar representada.
 
b) Defínense doce cabeceiras de comarca e, en cada unha delas, un centro educativo significado e estratéxicamente situado, para realizar concentracións diante del. Na Coruña, o mesmo día 13, as 19:00 horas, no IES Eusebio da Guarda, convocando ao conxunto das comunidades escolares e ao conxunto da cidadanía. Lectura de Manifesto e pancarta da Plataforma en Defensa do Ensino Público.
 
Achegamos cartaz da movilización.
 
Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de A Coruña